Tuesday 21 de May de 2024

A Xunta autoriza o inicio da tramitación da Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030 para converter a nosa comunidade nun referente no proceso de cambio do modelo actual de consumo


Feijóo avanza tamén a posta en marcha do Ecobarrio na zona de Elviña da Coruña, un proxecto que se calcula que podería chegar a mobilizar arredor de 33 M€, mellorar a eficiencia enerxética nun 20%; reducir as emisións nun 15%; e crear 150 empregos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou o inicio da tramitación da Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030 para converter a nosa Comunidade nun referente no proceso de cambio do modelo de consumo e, así mesmo, avanzou a posta en marcha do Ecobarrio na zona de Elviña da Coruña.

Coa Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030, explicou na rolda de prensa tras a reunión do Consello, o Goberno galego pretende previr o esgotamento dos recursos, pechar os ciclos da enerxía e dos materiais e facilitar o desenvolvemento sustentable. A este respecto, o titular da Xunta precisou que, como punto de partida da Estratexia de Economía Circular, a Administración autonómica tomou en consideración o Plan de Acción da Unión Europea, no que se recollen máis de 50 medidas.

“A Xunta aposta por converter Galicia nun referente no proceso de cambio do modelo de consumo e así manter o valor dos produtos durante o maior tempo posible”, valorou. En concreto, o deseño desta Estratexia, concretou Feijóo, baséase en oito eixos de actuación.

O primeiro dos eixos de actuación, explicou o presidente do Goberno galego, é o Ecodeseño, que permitirá incrementar a eficiencia material e estender o ciclo de vida dun produto ou servizo. Entre os obxectivos deste apartado atópanse editar un catálogo galego de produtos e servizos ecodeseñados e incrementar o seu número; realizar ecoetiquetados producidos en Galicia ou ofrecidos por axentes económicos galegos; ou promover unha plataforma de avaliación e difusión en relación ao ecodeseño.

Pola súa banda, o segundo dos eixos é Actividades e modelos de servizo, que busca abrir novos modelos de negocio ou impulsar definitivamente a sustentabilidade na nosa sociedade. Ademais, fomentará a cultura da reparación ou o consumo de servizos en lugar de produtos, para o que se promoverá a formación en actividades de reparación de produtos susceptibles de prolongar a súa vida útil; se revisarán os contidos dos módulos de determinadas FP; se fomentará a cultura do uso comunitario de bens e servizos públicos; ou se impulsará a compra circular e verde.

O terceiro dos eixos, explicou o presidente, é o da Educación e sensibilización, para conseguir que as dimensións económica e ambiental converxan na cuarta revolución tecnolóxica. En concreto, preténdense incluír os obxectivos da Estratexia na formación docente e nos currículos en todos os niveis educativos.

A continuación, Feijóo sinalou que o cuarto eixo refírese á Industria eficiente, para o que é preciso un escenario normativo adaptado ao novo contexto que estimule a ecoloxía industrial. Así mesmo apóstase, por exemplo, por elaborar un plan de axudas para promover modelos de negocio circulares.

A Produción de alimentos, o quinto eixo, ten o reto de xerar unha bioeconomía que sexa capaz de producir alimentos de máis calidade con menor impacto negativo sobre a contorna. Para conseguilo, argumentou, é preciso fomentar a valorización dos recursos pesqueiros, incentivar o tratamento dos residuos orgánicos in situ no sector primario; ou promover o tratamento dos xurros por biodixestores.

O sexto eixo, referido ao Urbanismo, edificación e obra pública, aposta por asentamentos máis sustentables; por estratexias para a xestión social do espazo arquitectónico vacante ou abandonado; ou por poñer en valor materias primas de orixe galego. Así mesmo, deseñarase un programa para a localización, identificación e cuantificación do parque inmobiliario baleiro de Galicia.

Por último, o sétimo e oitavo eixos son os de Xestión do ciclo de vida, por un lado, e Xestión de residuos, polo outro. O primeiro busca modernizar e substituír de forma paulatina as tubaxes; cuantificar as perdas de auga nas redes de sumidoiro e de abstecemento; implantar progresivamente sistemas de drenaxe urbano sustentable para reducir a presión sobre as depuradoras municipais; ou estudar a viabilidade de proxectos para a reutilización de augas residuais. Pola súa banda, a Xestión de residuos ten entre outros obxectivos promover a compostaxe individual, especialmente para zonas dispersas e vivendas unifamiliares, e a comunitaria.

Por último, Feijóo subliñou que se calcula que para a consecución dos obxectivos da Estratexia de Economía Circular no período 2020-2030 é necesario mobilizar preto de 890 millóns de euros.

Ecobarrio da Coruña
Tamén no ámbito medioambiental, o titular do Goberno galego lembrou a reunión coa alcaldesa da Coruña deste mesmo luns, na que lle trasladou a intención da Xunta de desenvolver un Ecobarrio na zona de Elviña, que se converterá no segundo Ecobarrio de Galicia despois do que xa se está avanzando en Ourense.

Só tres días despois da xuntanza coa alcaldesa, a Xunta avanza na posta en marcha do Ecobarrio da Coruña a través dun convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG). O obxectivo é que este último elabore a documentación técnica necesaria para levar a cabo a definición e o deseño das actuacións coas que se pretende converter a zona de Elviña nun exemplo de eficiencia enerxética.

En concreto, sinalou o presidente, espérase que o proxecto –que nunha primeira previsión calcúlase que podería chegar a mobilizar arredor de 33 M€– permita mellorar a eficiencia enerxética nun 20%; reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 15%; e crear 150 postos de traballo.

En concreto, a Xunta –a través do Inega- destina 300.000 euros a este convenio, que se executará en dúas anualidades (2019-2020) e, en virtude do cal, o ITG encargarase de realizar os estudos técnicos necesarios para desenvolver este proxecto integral.

En virtude do convenio, o centro tecnolóxico coruñés realizará diferentes auditorías e análises técnicas centradas: no consumo enerxético e de auga en edificacións públicas e privadas; na posta en marcha dunha rede de distribución de calor; na instalación de paneis solares fotovoltaicos; na rehabilitación de envolventes en edificios públicos e privados; na iluminación exterior e interior; na creación e mellora de espazos para a convivencia; na mobilidade sostible; así como a elaboración de pregos técnicos para a realización das diferentes licitacións.

“Este segundo Ecobarrio de Galicia ten tres obxectivos: afondar no compromiso de que Galicia siga a vangarda das enerxías renovables, buscar todas as oportunidades que teñamos e impulsar un proxecto que pensamos que vai ser especialmente útil para o barrio elixido”, concluíu Feijóo sobre este tema.